Google+ COURELSON 19 (venres de Agosto)

Inicio  //  Axenda  //  COURELSON 19 (venres de Agosto)

COURELSON 19 (venres de Agosto)

 
 
 
Un ano máis, e despois xa do éxito acadado na edición de 2018, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel organiza o II CourelSon, Jazz e Blues na montaña.
 
Coma no ano anterior, o obxecto de organizar estes concertos é o de amosa-lo dinamismo desta Serra, cun tipo de música alonxada de estridencias e de masificacións e que soará nos mellores escenarios do mundo, as airas dos pobos do Courel, todos e cada un dos venres do mes de agosto entre lusco e fusco.
 
Este ano conseguimos completar un cartel de auténtico luxo, con músicos vidos de distintos lugares do Globo e que, coma o ano pasado, quedarán abraiados cos escenarios naturais nos que desenvolverán os seus concertos. Para este CourelSon contaremos coa axuda imprescindible do GDR Ribeira Sacra.Courel, a Deputación de Lugo e o Concello de Folgoso.
 
Pero, ademais, e tendo en conta as paraxes nas que soará a música nos venres de agosto, nas mañas dos sábados seguintes a estes concertos organizaremos rutas temáticas nas que daremos a coñecer a riqueza etnográfica, xeolóxica ou ecolóxica da zona. Para todo isto, contaremos coa colaboración inestimable da Fundación Oso Pardo, da Asociación Galega de Custodia do Territorio, da Sociedade Micolóxica Lucus ou do Xeoparque Mundial Montañas de O Courel. Estas rutas serán gratuitas e a única condición para poder anotarse nas mesmas será a de facerse coa camiseta do CourelSon 19. Teredes toda a información das mesmas en breve.
 
E pasamos xa a enumerar ós grupos que teremos a fortuna de escoitar neste II CourelSon. Tódolos concertos serán de balde, a partires das 20:00h.
 
-Venres 2, en Folgoso do Courel: O Blues de Félix Slim. Recén chegado de Nova York para unha xira por Europa, este gaditano de nacemento leva xa anos vivindo e trunfando na Meca do Blues; distintos premios como solista en EEUU e a participación en numerosos festivais de Europa, Asia e América o avalan. Folgoso do Courel convertiráse esa tardiña nunha sorte de New Orleáns.
 
-Venres 9, en Paderne do Courel: Alejandro Vargas Trío. O recoñecido pianista cubano, acompañado da súa banda, ofrecerá un concerto único nun escenario único, na terra dos músicos de O Courel. Alejandro foi elexido mellor pianista de Jazz cubano antes de fixar a súa residencia en Compostela. Dende que así o fixo, leva facendo xiras e recibindo premios polos festivais de media Europa. Todo un luxo para a Aira do Quintairo padernesa que xa o ano pasado vibrou ao ritmo de Sumrrá.
 
-Venres 16, en Seceda: Edu Manazas & Whiskey Tren. Se o ano pasado inauguraron o Festival, este cuarteto de Blues madrileño quedou tan prendado dos escenarios e das xentes caurelás, que quixeron repetir experiencia a toda costa. Edu foi definido polas revistas especializadas coma “o único cantante de Blues da Península”. A súa voz desgarrada e os máis de 20 anos que leva co seu grupo enriba dos escenarios nos transportarán ás rúas do Chicago dos anos 60. Un gran concerto para un dos pobos máis fermosos da Serra.
 
-Venres 23, en Parada: Rafa Fernández Cuarteto. O delicado Jazz do guitarrista noiés e da súa banda non poderían ter mellor escenario que Parada do Courel, a terra que viu nacer a Uxío Novoneyra. Alí nos presentarán o seu último traballo: “A Cara Bonita da Pedra” Música e imaxes da man, neste concerto que non deixará a ninguén indiferente.
 
-Venres 30, en Seoane do Courel: e, para pechar o CourelSon 19, José Luis Pardo & The Mojo Workers. Falar de José Luis Pardo é falar dun dos guitarristas de Blues máis recoñecidos a nivel internacional. Este arxentino, residente en Madrid, leva tocando media vida en escenarios de cidades coma Nova York, Moscú, Johannesburgo, etc. E, en medio de todas eses grandes escenarios, a partires de agora, aparecerá Seoane do Courel. Un gran final de festa para un gran CourelSon co que pretendemos amosar, sempre con actividades respetuosas, que esta Serra e os seus pobos  latexan cada día do ano.
 
 
Dicir tamén que, este ano, ademais dos colaboradores enriba indicados, agradecemos o seu apoio no tocante aos aloxamentos dos músicos, á Caixa Rural Galega.