Google+ Mostaz: soutos, sequeiros e máis

Inicio  //  Entorno Bosques do Courel  //  Mostaz: soutos, sequeiros e máis

Mostaz: soutos, sequeiros e máis

Falaremos equí dunha ruta, máis que dun bosque, pois ben paga a pena percorre-los algo máis de 6 Km. da ruta coñecida coma “Os sequeiros de Mostaz” para empaparnos do Courel, os seus bosques e a súa etnografía.

Dende un pouco máis enriba do Camping de Esperante, collerémo-lo sendeiro que, paralelo ó Lor, nos adentrará nun bosque onde os castiñeiros se mesturan con carballos, pradairos, freixos, aveleiras ou fentos variados; e o rumor da auga de fondo: unha presa permítenos colixir que o home aproveitou esas límpidas augas nalgún momento. Despois de 1 Km. camiñando paralelos ó río, desviámosnos un chisco do mesmo e, nun serpenteante e estreito sendeiro, desembocamos no que debeu ser un muíño, agora mimetizado entre aveleiras e fentos macho.

Continuámo-la nosa ruta cunha subida que anuncia xa o souto, inda que os rebolos se resistan a desaparecer, cubertos de liquens cos que comparten vida. E, por fin, chega o chan; e eiquí si, terreo para o souto puro: castiñeiros centenarios con troncos que, moitas das veces, semellan botarlle un pulso ás leis da física manténdose en pé. E, de súpeto, caseque sen avisar, aparecen os sequeiros, inda que en bo estado de saúde a pesares do seu abandono hai xa anos, berrando pola súa rehabilitación, pola conservación do patrimonio.

Deixámo-los atrás, continuamos polo souto que, ós poucos, vai deixando ocos para os seus achegados: carballos e cerquiños. E chegamos á carreteira, que cruzaremos para baixar cara Esperante, de novo entre castiñeiros. En Esperante nos agarda a súa igrexa, adicada a San Pedro; e dende ela, o Lor e a chegada ó noso destino, do que tamén partiramos.

Unha ruta circular de dificultade baixa e que non deixa a ninguén indiferente.

Xornadas Micolóxicas