Nos arredor de 10 qm. de lonxitude do Río Pequeno e no seu Val gárdase a esencia dos bosques do Courel.
Dende o seu nacemento, alá por Pedrafita do Courel e ata a súa desembocadura no Lor en Ferrería Locai, as augas do Río Pequeño discorren entre soutos, campos de cultivo, devesas e pobos de pedra, madeira e pizarra (algúns habitados, outros vestixios do que foron).
O sendeiro que nos leva pola beira esquerda do río era ata ben entrado o século XX o único xeito de comunicación entre os pobos que se asentaron buscando a protección da serra da Escrita e a populosa Seoane (Savane para os veciños).
Soutos centenarios nos que as árbores parecen falar, sequeiros abandoados, pobos agora silentes, eiras inda hoxe traballadas e fervenzas e saltos de auga sucédense neste percorrido descendente entre Pedrafita do Courel e Seoane e a súa Ferrería. E, polo medio, o paso entre os calellóns de Paderne, cos seus seis estabrecementos rurais e a rehabilitada Aldea do Mazo; e, como non, a admiración da beira dereita do río, coa súa sucesión de devesas ( a grandiosa e caseque inexpugnable Devesa da Escrita entre elas), que no seu éxtase outonal conducirán ó camiñante cara á perdición.
O Val do Río Pequeno forma parte dunha das rutas máis sobranceiras do Courel, xa comentada no apartado adicado a Paderne desta web.