Google+ Seceda

Inicio  //  Entorno Pobos do Courel  //  Seceda

Seceda

San Silvestre de Seceda, capital da comarca á que dá nome, está situada a unha altura de caseque 800 m., e está considerada coma Lugar de Interés Cultural pola Xunta de Galicia.

Apartada durante longos anos das principais vías de comunicación, Seceda mantivo gracias a isto a esencia dos pobos típicos do Courel. En Seceda non sobra ningunha casa porque o ladrillo e o cemento emigraron de alí xunto cos seus habitantes, fuxindo do aillamento que o rigor do inverno provocaba ano tras ano.

Seceda é unha visita obrigada para calqueira que visite a Serra: casas restauradas nas que as balconadas se buscan unha á outra, na procura desa seguridade que dá a proximidade da manada nos momentos de perigo, calellóns de pedra empinados que atravesan o pobo en tódalas direccións, como se dunha cidade medieval se tratase,… A restauración de Seceda debera se-lo espello no que toda Galicia se mirase. Dende que hai xa 16 anos abriu as súas portas unha das primeiras casas rurais da zona (Casa Calellón), Seceda está aberta ó turismo; pero hoxe prodúcese tamén o curioso fenómeno da inmigración en San Silvestre, e xa non é extraño oír falar con acento de Vigo ou Coruña polos seus calellóns, inda que sexa só nos meses de verán ou en datas sinaladas.

E non se pode falar de Seceda sen falar da súa igrexa adicada a San Silvestre, que otea o horizonte dende a entrada do pobo e, claro está, do seu Souto centenario ou os restos do seu Castro, dende os que veremos como o río Lóuzara avanza cara á unión co seu irmán Lor.

Disque as uces e xestas que arrodean esta aldea son a materia prima para un dos mellores meles do estado. Sobre gustos non hai nada escrito, pero os bos afeccionados ó dourado producto das abellas non se han sentir defraudados.

Rutas por Seceda

Percorre-lo souto de Seceda é obrigado para calquera que visite esta aldea; dende alí podemos chegar ó Castro e, para os que sexan valentes, subir unha forte pendente que os achegará ata a Escrita, dende a que unha fermosa e zigzagueante baixada nos deixará en Paderne ( aldea á que adicamos xa un espacio), despois xa de algo máis de dez quilómetros de percorrido.