Skip to content

O Courel é un paraíso natural…Rede Natura 2000, Xeoparque Mundial da UNESCO, Reserva da Biosfera…e agardamos que non tardará en ser Patrimonio da Humanidade e Parque Natural. A súa xeomorfoloxía con influencia glaciar, a complexa e diversa xeoloxía, a topografía accidentada, a variación de altitude, a posición a cabalo entre os dominios florísticos eurosiberiano e mediterráneo, xunto coa pegada humana, fano merecedor desas distincións, pois acolle unha importante diversidade biolóxica e xeolóxica, impresionantes paisaxes e un importante patrimonio cultural material e inmaterial.

Pía Paxaro ofrece aos habitantes e visitantes do Courel, de forma rigorosa pero tamén amena, enriquecedoras e inesquecibles experiencias que lles permiten coñecer e mergullarse nos seus valores naturais e culturais: os cogomelos, as orquídeas, as paisaxes, as covas, os bosques, as árbores, os monumentos vexetais, as plantas medicinais, os paxaros, o oso, a arquitectura popular, a historia, o patrimonio arqueolóxico e etnográfico…procurando que os visitantes non só pasen pola serra courelá senón que leven tamén anacos dela no seu corazón.

Marcos Reinoso Domínguez, o xerente de Pía Paxaro, é un vigués que hai oito anos deixou a súa cidade natal para instalarse en Paderne do Courel, onde creou esta empresa que se dedica a organizar actividades de turismo rural sostible, atraendo visitantes a esta fermosa bisbarra, mulleres e homes, nenas e nenos que aportarán á súa economía e se irán amando este recuncho de Galicia, xa que o coñecerán en profundidade e xa sabemos que só se ama o que se coñece.

É a Serra do Courel un lugar único pero cunha demografía que o desangra e cunha pirámide de poboación que amosa un preocupante envellecemento…e son necesarios máis Marcos Reinoso, outros emprendedores que o revitalicen, aínda que sempre no eido do desenvolvemento sostible e o respecto ao medio natural, como fai Pía Paxaro.

Se con Pía Paxaro visitas O Courel…quedaranche moitas ganas de volver…

Antonio Rigueiro Rodríguez

Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela

Exdirector da Estación Científica do Courel

×